Lugo acolleu entre o 2 e o 7 de maio a cuarta parada do Tour del Talento 2023. Un evento dirixido a un público de entre 16 e 35 anos, para conectar á mocidade coas empresas e coas tendencias do novo mercado laboral, ó que acudiron preto de 7.000 mozos e mozas, todo un éxito de participación.
Durante unha semana, organizáronse máis de 50 actividades, entre as que destacaron foros, talent sessions e unha programación de ocio e actividades deportivas en diferentes espazos da cidade para impulsar e vencellar o enxeño dos mozos e mozas.
Nesta cuarta parada en Lugo, ademáis, promovéronse os valores pedagóxicos do deporte para o benestar emocional, a saúde mental e o desenvolvemento profesional e persoal. O Tour del Talento en Lugo, promovido pola Fundación Princesa de Girona e TRIVU como aliado estratéxico, organizouse da man do Concello de Lugo e a colaboración de Vertex Bioenergy, Norvento Enerxía e a Xunta de Galicia.
Destacou, entre todas as actividades programadas, o Reto Lugo, a cidade que imaxinas e na que queres vivir, unha proposta na que participaron mozos e mozas de 14 a 35 anos que presentaron en equipo o seu proxecto de mellora da cidade.
O 20 de abril no CEI-NODUS realizouse un obradoiro preparatorio organizado por Europe Direct Lugo Lugo para dotar ós equipos inscritos das ferramentas necesarias para defender as súas propostas, que se resolveron en dúas fases. Na fase final do día 5 de maio proclamouse como gañador o equipo do IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes de Lugo.
A semana do Tour del Talento en Lugo arrancou o martes 2 de maio, na Praza Horta do Seminario coa I Xornada Coñece ós teus polígonos e ás súas empresas, organizada pola Asociación de Empresarios de O Ceao – As Gándaras, un espazo con entrevistas e mesas redondas, nas que participaron empresarios/as e alumnos/as da USC e tamén do CIFP As Mercedes.
Na Casa de Xuventude, tivo lugar este día e o seguinte a exposición de artes plásticas Mocidade en Acción coa participación do IES San Xillao, o Colexio Fingoi e a Fundación Juan Soñador.
No Vello Cárcere puidemos visitar a exposición Cabeza, Man, Corazón, un percorrido polos 50 anos de historia da EASD Ramón Falcón, adicada a ensinanza das artes, dous obradoiros de serigrafía e dúas mesas redondas sobre a expresión cultural e o papel da cultura na educación.
No edificio Impulso Verde, dende o día 2 ata o 5 programáronse visitas guiadas ao edificio a cargo do director de obra, Benigno Jáuregui e mesas redondas sobre sustentabilidade empresarial e enfoque circular, con Tecgal Enerxías, Norvento e Torre de Núñez e sobre consumo responsable e deseño sostible, con Perfect Numbers, Himikode, TasteLab e Agroamb.
Durante toda a semana desenvolvéronse actividades de distintos ámbitos no MIHL:
O mércores 3 de maio organizouse o Foro Desenvolvemento do Talento: Impulsa a tua empregabilidade con tecnoloxía, unha xornada de charlas e coloquios de distintos ámbitos para compartir ferramentas de desenvolvemento persoal e profesional.
O CIFP As Mercedes organizou a exposición Lugo, referente tecnolóxico, con visitas guiadas onde puidemos ver, probar e coñecer dende un simulador dinámico de voo con realidade virtual ata un dron de alta capacidade propulsado por hidróxeno verde, ademáis dun vehículo eficiente, reprodución a tamaño real do emblemático coche de carreiras Bugatti Type 35, que leva instalada unha pila de combustible que transforma a enerxía química en enerxía eléctrica.
Na Praza Horta do Seminario, tivo lugar a Feira de Primavera de Emprendedoras: Economía verde e circular un evento de promoción e difusión de empresas innovadoras e focalizadas na sustentabilidade e a economía circular lideradas por mulleres, organizado polo programa Woman Emprende da USC.
Os artistas urbáns Diego As, Yoe33 (Manu Pallín) de Concepto Circo, Lee33 (Yago Fernández), Gael Zarza de Gravitty tiveron o seu espazo para falar nunha mesa redonda da evolución da arte urbá.
A seguinte xornada, o xoves 4 de maio, comezou coa Feira Mergúllate no Campus Terra da USC, un punto de encontro co alumnado de educación secundaria. Contou con 8 stands nos que as diferentes escolas e facultades do campus expuxeron información acerca das titulacións, cunha mesa redonda, obradoiros organizados por XUVENLAB e unha sesión de monólogos científicos.
Ese día pola mañá, no MIHL, desenvolveuse unha xornada de conferencias e mesas redondas, Ecuación talento, un punto de encontro para dialogar sobre deporte, valores, experiencias da man de xogadores, adestradores e profesionais, como Roberto Fernández, ex-futbolista profesional, Salva Arco, ex-xogador profesional de baloncesto, Roberto Ramos, Socio Fundador e CEO do Grupo Be One/ Serviocio, Carlos David Prieto, adestrador de Javier Gómez Noya e a Dra. María Antonia Lizarraga, responsable médica da área de nutrición no Fútbol Club Barcelona.
Pola tarde celebrouse o Encontro de docentes que deixan pegada, con Esteve López e María Batet, unha xornada de obradoiros prácticos e dinámicas visuais, para coñecer estratexias de avaliación e diferentes experiencias na aula.
O venres 5 de maio, a primeira hora da mañá, no Auditorio Municipal Gustavo Freire tivo lugar o acto central do Tour del Talento que estivo presidido pola S.M o Rei Don Felipe VI xunto coas primeiras autoridades de Galicia.
Previamente celobrouse o Congreso Importa, coas charlas de Dani Caverzaschi, tenista español paralímpico e Antonio Espinosa, CEO de Auara, e rematou coa proclamación do Premio Princesa de Girona Investigación Científica 2023 outorgado ó doutor en biomedicina Marc Schneeberger Pané, polo seu “rigor científico e capacidade de establecer colaboracións, convertíndose nun excelente modelo a seguir por outros mozos investigadores.”
Na Praza Horta do Seminario, a primeira hora da tarde, tivo lugar a mesa redonda Coñece Lugo Transforma coas empresas Legalmit, Innogando, Inversis e Torsa Capital e máis tarde a final do RETO: Lugo, a cidade que imaxinas e na que queres vivir coa entrega de premios ao equipo gañador.
O sábado 6 de maio, na Praza Maior, representouse a obra de teatro: Quen ocupa esa cadeira? de Palimoco Teatro e na Praza Horta do Seminario tivo lugar o Campionato de baloncesto 3×3 Tour del Talento, dirixido pola Fundación Breogán, que incluíu un Concurso de triples e un Concurso de Dj’s.
Ese mesmo día pola tarde contamos cun obradoiro de graffitis a cargo de Concepto Circo e no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo tivo lugar o XXI Circuito Larsa Corre con Nós 2023.
O domingo 7 de maio o Tour del Talento Lugo 2023 chegou á súa derradeira xornada, cunha visita guiadas polos graffitis de Lugo, a cargo de Diego As e Concepto Circo, con varias paradas diferentes: a Rúa do Esquecemento, as Sindicais, a Muralla Romana e finalmente a baixada da Muralla fronte á Catedral, onde rematou o itinerario.
Como gran final do Tour del Talento 2023 tivo lugar, na praza Horta do Seminario, a actuación da Orquesta Terranova, formada por mozos e mozas entre 15 e 35 anos e dirixida por Nicolás Ravelli Barreiro.
Unha semana moi completa, na que a mocidade de Lugo tivo a oportunidade de conectar con empresas e emprendedores, a USC, centros de formación profesional da cidade, artistas, expertos e expertas do deporte, etc. para saber máis do seu futuro. Diferentes actividades, obradoiros e exposicións que se realizaron na cidade.
En definitiva, un programa enfocado a potenciar a empregabilidade, o emprendemento, o traballo ou as competencias profesionais máis demandadas que esperamos lograse o obxectivo de impulsar e conectar o talento da mocidade.