Derradeiro día do Tour del Talento. Programa de actividades do 7 de maio

Depois desta semana de conferencias, obradoiros, exposicións, actividades e múltiples eventos en diferentes espazos da cidade, chega o derradeiro día do Tour del Talento 2023, a xira anual para mozos e mozas de 14 a 35 anos, impulsado pola Fundación Princesa de Girona e co apoio do Concello de Lugo e o Campus Terra da USC.   

Para este día, hai preparadas actividades que supoñen o peche deste Tour del Talento 2023

  • Remata a exposición “Lugo, referente tecnolóxicoorganizada polo CIFP As Mercedes no MIHL.
  • Ás 11:30h comeza na Praza da Horta do Seminario unha visita guiada polos graffitis de Lugo, a cargo de Diego As e Concepto Circo. Percorrerá Lugo cun itinerario con 5 paradas diferentes:
    • 1º parada Rúa do Esquecemento: Visita por tódalas obras da rúa, comentando curiosidades e técnicas dos e das artistas.
    • 2º parada Sindicais: Visitaranse as 4 obras da zona. Sairase á Ronda para subir á Muralla Romana.
    • 3º parada Muralla Romana: Visita ao graffiti de Xulio César, de Diego AS.
    • 4º parada Muralla Romana: Visita ao graffiti A Castrexa, de Manuel Pallín. 
    • Final: Baixada da Muralla fronte á Catedral, onde rematará o itinerario. 
  • Como gran final do Tour del Talento 2023 ás 12:30 terá lugar a actuación da Orquesta Terranova, formada por mozos e mozas entre 15 e 35 años e dirixida por Nicolás Ravelli Barreiro

Ao longo desta semana, a mocidade de Lugo tivo a oportunidade de conectar con empresas e emprendedores, a USC, diversos centros de formación profesional da cidade, artistas, expertos e expertas do deporte, etc. para saber máis do seu futuro ademais das diferentes actividades, obradoiros e exposicións que se realizaron na cidade. Propostas enfocadas a descubrir recursos para a mellora de competencias de cara ao futuro profesional, a aprender ferramentas para solucionar problemas, a empregar técnicas educativas innovadoras ou a solventar problemas da cidade a través do reto proposto.

Non podemos esquecer a visita da S.M o Rei Don Felipe VI, que acudiu ao acto central do Tour del Talento, o Congreso Importa, na que se proclamou o Premio Princesa de Girona Investigación Científica 2023.

Unha semana moi completa cun programa enfocado a potenciar a empregabilidade, o emprendemento, o traballo do futuro ou as competencias profesionais máis demandadas nunha contorna de sustentabilidade enmarcada por espazos como o edificio Impulso Verde que esperamos lograse o obxectivo de impulsar e conectar o talento da mocidade.