AXENDA URBANA 2030

Lugo foi unha das 121 cidades seleccionadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) como proxecto piloto para a implantación da Axenda Urbana Española (AUE) no ámbito local, contando con financiamento de fondos europeos Next Generation EU.

Os municipios seleccionados deberán aplicar a nivel local a súa propia Axenda Urbana, en consonancia coa Axenda 2030 da ONU (Organización das Nacións Unidas) e os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible).

A Axenda Urbana é un documento estratéxico que ten como obxectivo construír unha cidade mellor para todos e todas, na sostenibilidade económica, social e medioambiental. Un factor clave para elaborar a Axenda Urbana é a participación social, polo que se quere crear un Consello da Xuventude de Lugo, composto por persoas de ata 30 anos motivadas pola participación social. 

Este Consello pretende achegar ás persoas máis novas e as institucións, para darlles voz e participar na elaboración de políticas públicas Trátase dun órgano consultivo directo que servirá para conectar a Alcaldía coa xuventude de Lugo. 

Por este motivo o vindeiro día 27 de xullo ás 11:00h realizase un encontro no CEI NODUS, Avda da Coruña 500 (antigo cuartel de Garabolos)para dar a coñecer a Axenda Urbana e concretamente este órgano consultivo.

Se tes algunha pregunta, non dubides en escribirnos ao correo axendaurbana@xuventudelugo.gal ou chamarnos ao: 604070701

Como sabedes, estamos a traballar no Plan da Axenda Urbana 2030, a folla de ruta na que se recollerán os retos e os desafíos de Lugo para os vindeiros anos. Neste proceso, estamos a desenvolver con vós, a xuventude, xuntanzas para que nos trasladedes as vosas opinións, suxestións e motivacións porque a vosa voz é clave para a definición das políticas públicas que poidan dar solucións aos problemas da cidade.

Tras realizar un primeiro encontro o pasado día 27 de xullo, convocamos a todas aquelas persoas de ata 30 anos que teñan interese na creación dun Grupo Impulsor do futuro Consello da Mocidade de Lugo. Neste encontro traballaremos no deseño e  na constitución deste órgano de carácter consultivo que se creará no marco da “Axenda Urbana, Lugo Cidade Viva”.

Esperámoste o MÉRCORES 3 DE AGOSTO ás 11:00h no CEI NODUS, Avda da Coruña 500 (antigo cuartel de Garabolos).